Unha unidade móbil de doazón de sangue estará en Goián o vindeiro mércores 21 de xuño

Unha unidade móbil de doazón de sangue estará en Goián o vindeiro mércores 21 de xuño Estará situada na parada do autobús na Carballeira de 16.00 a 21.00 horas

Tomiño acollerá unha nova visita dunha unidade móbil da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue a vindeira semana. O mércores 21 de xuño o autobús da axencia situarase na parada de autobús, na Carballeira, de 16.00 a 21.00 horas para todas aquelas persoas que desexen achegar a súa pinga de solidariedade.

A Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) é un organismo público dependente da Consellería de Sanidade que engloba o centro de transfusión de Galicia. Entre os seus obxectivos atópase o de subministrar compoñentes sanguíneos a todos os hospitais de Galicia en función das súas necesidades.

Cada día ADOS despraza dez unidades móbiles a diferentes puntos de Galicia e mantén abertos sete puntos fixos de doazón nos principais hospitais na procura de doazóns de sangue que despois son procesadas e preparadas para atender ás e aos doentes que así o precisen. En Galicia necesítanse 500 doazóns de sangue cada día para atender as 2.800 urxencias, 800 intervencións cirúrxicas, o transplante de órganos e as 1.600 atencións nos hospitais de día.

As persoas interesadas en doar deben lembrar que debe serse maior de 18 anos cun peso mínimo de 50 kg, que hai que almorzar ou agardar dúas horas despois do xantar e levar tarxeta de doazón, DNI ou documento similar. Recoméndase non acudir a doar se nos últimos 15 días se tivo febre, tose ou problemas respiratorios e débese informar ao persoal médico se se está a tomar algunha medicación.