UNHA UNIDADE MÓBIL DE DOAZÓN DE SANGUE ESTARÁ ESTE VENRES EN GOIÁN ESTARÁ SITUADA NA PARADA DO BUS, NA CARBALLEIRA, DE 16 A 21 HORAS

Goián recibe a visita dunha unidade móbil da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue esta semana. Mañá venres, 11 de agosto, o autobús da Axencia situarase na parada de autobús (na Carballeira) durante toda a tarde, en horario de 16 a 21 horas, para todas aquelas persoas que desexen achegar a súa pinga de solidariedade.

A Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) é un organismo público dependente da Consellería de Sanidade que engloba o centro de transfusión de Galicia. Entre os seus obxectivos atópase o de subministrar compoñentes sanguíneos a todos os hospitais de Galicia en función das súas necesidades.

Cada día ADOS despraza dez unidades móbiles a diferentes puntos de Galicia e mantén abertos sete puntos fixos de doazón nos principais hospitais na procura de doazóns de sangue que despois son procesadas e preparadas para atender ás e aos doentes que así o precisen.

As persoas interesadas en doar deben lembrar que debe serse maior de 18 anos cun peso mínimo de 50 kg, que hai que agardar dúas horas despois do xantar e levar tarxeta de doazón, DNI ou documento similar. Recoméndase non acudir a doar se nos últimos 15 días se tivo febre, tose ou problemas respiratorios e débese informar ao persoal médico se se está a tomar algunha medicación.