Unha visión diferente sobre o alzhéimer con Ártika Cía en Tomiño

Unha visión diferente sobre o alzhéimer con Ártika Cía en Tomiño Teatro para público infantil coa obra ‘A illa da deslembranza’ este domingo 7 no auditorio de Goián ás 17.30 horas

O teatro para público familiar regresa esta fin de semana a Tomiño con humor e unha mensaxe de calado. Ártika Cía desembarca este domingo 7 de abril no auditorio de Goián con ‘A illa da deslembraza’, unha obra creada a base de metáforas e de gran forza visual que achegará a nenos e nenas a un tema tan importante como o alzhéimer dun xeito ameno, entretido, bonito e suxerente.

Unha obra dirixida principalmente a un público infantil e familiar pero que tamén axudará ás persoas maiores a abordar esta enfermidade dende o punto de vista dunha nena de 10 anos, Uxía. As lembranzas da súa avoa van e veñen como as ondas do mar e a súa ollada parece perderse nun océano profundo, polo que Uxía busca a forma de tentar axudala a recuperar os seus recordos.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, convida á rapazada e ás familias tomiñesas a desfrutar deste espectáculo “que a pesar da seriedade do tema que trata, ten un enfoque humorístico co que fomentar actitudes positivas para afrontar os problemas desta enfermidade e amosar a importancia de nenos e nenas para que as persoas maiores vivan momentos de felicidade!.

Ártika Cía comezará a representación do espectáculo ‘A illa da deslembranza’ ás 17.30 horas. As entradas poderán mercarse a un prezo de 5 euros persoas adultas e 2,5 euros menores de 12 anos dende unha hora antes do espectáculo no despacho de billetes do propio auditorio municipal de Goián.