Unicef España convida á infancia e adolescencia de Tomiño a facer vídeos contando a súa experiencia de confinamento Os traballos poderán colgarse no programa Clip Club TV de You Tube

 

UNICEF Comité Español e Alcantara Family Foundation lanzan unha proposta para toda España co obxectivo de facer máis visible a infancia e a adolescencia en momentos como os que se están vivindo e para contribuir a que eses colectivos poidan pasar mellores momentos mentres dure o confinamentonos fogares.

 Con este fin, veñen de crear un canal de YouTube onde os protagonistas son os nenos, nenas e adolescentes a través dos seus propios vídeos, nos que contan como están vivindo o confinamiento na casa.

A actividade está especialmente dirixida aos concellos declarados “Cidades Amigas da Infancia”, coma é o caso de Tomiño, cun Consello Municipal da Infancia e Adolescencia, cuxos integrantes poden participar, así coma tamén outros nenos ou nenas da localidade.

UNICEF_Clip club TV_Juntos ¡Todo irá bien!” é un programa diferente e diario, no que nenos e nenas poden gravar os seus vídeos contando que actividades están a facer na casa para pasar mellor as horas, para que outros poidan facelas tamén no fogar. Coma exemplos, Unicef recomenda falar dun libro ou filme, xogos, debuxos, contos, manualidades receitas de cociña, coreografías, exercizos, trucos de maxia, etc.

Coas preguntas “Queres aparecer nun novo programa de YouTube?; Gustaríache escoitar propostas doutros nenos e nenas como ti?, ou Seguro que tes algún talento escondido e, se o compartes, podes entreter a moitos mozos e mozas”, o equipo de realización do canal tenta animar á participación.

Entre as instruccións para facer un bo vídeo, o canal inclúe as de gravarse cun móbil ou tableta, con formato horizontal e preferentemente en galego. Procurar que ao redor non haxa moito ruído, evitar o contraluz (non gravar de costas ao sol); mirar á cámara con naturalidade, e coidar que os vídeos non sexan moi longos (como moito, un minuto e medio), son outros dos consellos para conseguir un bo traballo, que poderá subirse a www.clipclubtv.com cun pequeno comentario.

A Concellería de Eurocidade, Mocidade e Participación infantil, que dirixe Fátima Rodríguez, convida a todos os nenos, nenas, mozos e mozas da vila a gravar un vídeo e subilo ao canal, para así poder compartilo con toda a veciñanza, e de paso, aprender cousas novas e pasalo un pouco mellor estes días mentres dure o confinamento.