Vermú entre plantas con música en directo na Feira de Cultivos do Baixo Miño

Vermú entre plantas con música en directo na Feira de Cultivos do Baixo Miño A feira contará cunha zona de venda de plantas aberta ao público e cun Mercado de Primavera no que haberá postos de xoias, artesanía en pel, libros, xoguetes...

A Feira de Cultivos do Baixo Miño continúa sumando novidades para celebrar un evento renovado no que os público poderá gozar de diferentes actividades de lecer, como sesións vermú entre plantas con música en directo. “É un orgullo ofrecer a profesionais, á veciñanza e ás persoas visitantes unha edición renovada e con máis sorpresas que nunca, con música, con obradoiros, actividades infantís, música e participantes de primeiro nivel que farán da Feira un evento atractivo e único”, destaca a alcaldesa, Sandra González.

O sábado 6 ás 13.30 horas o público poderá desfrutar na sesión vermú da música en directo de ‘Up to you’, Sabela Cereijo e Andrés Cunha, mentres que o domingo 7 a nota musical correrá a cargo do grupo Weli Kings, tamén ás 13.30 h.

Non serán os únicos concertos da Feira de Cultivos do Baixo Miño, xa que ao concerto de inicio de xira do artista Xosé Manuel Budiño súmase o sábado 6 ás 18.30 h o de ‘The Manueles’ ao abeiro do proxecto Música Nova da Eurocidade Cerveira-Tomiño, unha das iniciativas elixidas pola mocidade de ambos os dous concellos como unha das gañadoras do Orzamento Participativo Transfronteirizo 2023. A feira baixará o pano desta edición tamén co concerto de San Rockers ás 20.30 horas no escenario principal.

Pero a Feira de Cultivos do Baixo Miño non se entende sen a presenta estelar das plantas. Por este motivo, Concello e acuBam engadiron nesta nova edición unha ampla zona de venda de plantas na que o público poderá mercar produtos de calidade e de proximidade procedentes dos viveiros da comarca.

 

A zona de expositores e de venda complementarase co Mercado de Primavera, un espazo no que se darán cita diferentes postos nos que se combinarán bisutería e xoias, artesanía en pel, mel, xabóns, madeira, libros, xoguetes… Ademais, a organización anima a todo o público a pasar un momento divertido e agradable noutros esppazos como no bar, na zona de food trucks e nos establecementos hostaleiros de Goián.

A XVIII Feira de Cultivos do Baixo Miño celébrase do 5 ao 7 de maio na renovada Praza Pintor Antonio Fernández de Goián, un espazo ao aire libre que brindará un ambiente acolledor e único no que o público poderá desfrutar de morea de actividades para todos os públicos. A presidenta de acuBam, Mariví Álvarez, salienta a ilusión posta nesta nova edición da Feira, “cun programa atractivo que fortalece o evento e que permitirá ao público entreterse, aprender e descubrir os produtos que se producen na nosa comarca. Agardamos que se converta nun punto de encontro para todas aquelas persoas que aman a natureza, a agricultura e a horta”.