‘Voces Novas’, altofalante da infancia e mocidade tomiñesa no Consello Autonómico de Participación Infantil

‘Voces Novas’, altofalante da infancia e mocidade tomiñesa no Consello Autonómico de Participación Infantil Irene Pereira será a representante de Tomiño neste órgano que se constituirá o vindeiro venres 21 de abril

Irene Pereira, integrante de Voces NovasTomiño contará con voz propia no Consello Autonómico de Participación Infantil e Xuvenil. Será a través de Irene Pereira, unha das integrantes do Consello da Infancia e Adolescencia ‘Voces Novas’, que foi seleccionada para formar parte deste órgano co que se procura xerar un novo espazo para que nenos, nenas e mocidade poidan expresarse, propoñer ideas e formar parte activa da toma de decisións en temáticas que lles afectan de forma directa.

O consello estará composto por 30 representantes das nenas, nenos e adolescentes de toda Galicia, que se reunirán o vindeiro venres 21 de abril na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela para dar comezo á súa actividade. Ao longo do ano, todas e todos os integrantes deste órgano manterán reunións para abordar diferentes temáticas a nivel autonómica e para facer propostas de mellora á Xunta de Galicia.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destaca “a importancia de que a infancia e a mocidade tomiñesa teña voz e voto nunha iniciativa que pode marcar as pautas das políticas relacionadas coa xuventude a nivel galego”. Pola súa parte, a concelleira de Mocidade, Fátima Rodríguez, salientou tamén o orgullo que é para Tomiño “ver o traballo que están a desenvolver os e as integrantes de ‘Voces Novas’, a súa implicación e o seu esforzo por ser altofalante dos seus veciños e veciñas en todos os foros posibles”.