‘Voces Novas’, altofalante da mocidade tomiñesa no X Foro de Participación Infantil Parlamento de Galicia - Unicef

‘Voces Novas’, altofalante da mocidade tomiñesa no X Foro de Participación Infantil Parlamento de Galicia – Unicef Representantes do Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño participaron neste encontro xunto con integrantes de consellos locais doutros once municipios

É hora de facerse cargo e que a saúde mental sexa unha prioridade na sanidade pública. Así de rotundas e rotundos se amosaron os e as representantes do Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño, ‘Voces Novas’, que participaron no X Foro Infantil Parlamento de Galicia-Unicef celebrado en Santiago de Compostela, no que compartiron experiencia con nenos, nenas e adolescentes dos consellos locais de participación de Ames, Burela, Cabanas, Castrelo de Miño, Moaña, Moeche, Nigrán, Ponteareas, Redondela, Teo e Viveiro.

Acompañados pola concelleira de Mocidade e Participación Infantil, Fátima Rodríguez, as e os rapaces tomiñeses expuxeron as súas conclusións despois de meses reflexionando e pensando propostas de mellora relacionadas coa saúde mental, un dos temas centrais do foro. A encargada de subirse ao estrado foi Carmen, que destacou que “se algo positivo deixou a chegada da COVID-19 foi que un tema tabú ou cunhas connotacións tan negativas como este se puxesen por fin enriba da mesa”. “Pero precisamos que os centros médicos, hospitais e incluso os centros de ensino conten con persoal cualificado para facer fronte ao que xa poderiamos denominar tamén como pandemia”, recalcou ao tempo que lembrou ao público que a primeira causa de morte por causas externas na xente moza é o suicidio.

Consultas en horario pouco axeitados, unidades especializadas só para maiores de 16 anos… son aspectos que as e os integrantes de ‘Voces Novas’ poñen en cuestión e que non permiten cumprir o artigo 24 dos dereitos da infancia: poder desfrutar do máis alto nivel posible de saúde e recibir unha atención sanitaria axeitada. “Precisamos que as persoas adultas comecedes a tomarvos este tema en serio. Non queremos parches”, salientou Carmen ao tempo que facía fincapé en que hai que ter en conta que “solucionando a pobreza e precariedade xa estariades reducindo moitísimo os problemas de saúde mental de moitas familias”.

O encontro estivo presidido pola vicepresidenta primeira do Parlamento de Galicia, Elena Candia, que agradeceu a todas e todos os mozos e mozas a súa participación e compromiso “xa que cremos de verdade na vosa implicación, xa que a vosa opinión conta e debería contar aínda máis”.