‘Voces Novas’ toma a palabra no XI Foro de Participación Infantil no Parlamento galego

‘Voces Novas’ toma a palabra no XI Foro de Participación Infantil no Parlamento galego Representantes do Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño participaron neste encontro xunto con integrantes de consellos locais doutros once municipios

‘Voces Novas’ toma a palabra no XI Foro de Participación Infantil no Parlamento galegoRepresentantes do Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño, ‘Voces Novas’ alzaron de novo a súa voz no XI Foro de Participación Infantil e Adolescente de Unicef no Parlamento de Galicia, no que afondaron sobre cuestións como a desprotección de nenos e nenas e adolescentes no campo da familia, da sanidade, da educación e do lecer, incluíndo as novas tecnoloxías e as redes sociais.

Co foco posto no dereito á protección e na non violencia, a portavoz de ‘Voces Novas’, Alejandra, tomou a palabra para lembrar que en menos de dous anos a sociedade ten asistido ao desenvolvemento de dúas guerras mediáticas, a de Gaza e a de Ucraína, e a outras moitas que seguen existindo, aínda que silenciadas. “Sen saír do país, vemos tamén como a clase política se falta ao respecto abertamente”, resaltaba ao tempo que sinalaba que cativada e mocidade “estamos fartas” e reclamaba que se cumpran os artigos da lei de infancia, unha das poucas que ampara aos máis novos e novas.

A rapazada tomiñesa compartiu experiencia con nenos, nenas e adolescentes dos consellos locais de participación de outros once municipios galegos: A Laracha, A Coruña, Burela, Cedeira, Nigrán, Moaña, Moeche, Ponteareas, Redondela, Teo e Viveiros. Durante o acto, as e os participantes entregaron ao Parlamento un cadro realizado xunto a Leandro Lamas no III Encontro Galego de Consellos Locais de Participación Infantil e Adolescente.

Acompañada pola alcaldesa, Sandra González, e polo concelleiro de Mocidade, Agustín González, ao final da xornada a rapazada de Voces Novas participou na entrega de diplomas a todos os mozos e mozas que formaron parte desta nova edición do Foro de Participación Infantil e Adolescente no Parlamento galego.

O encontro estivo presidido polo Director Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, e polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, que animou á mocidade a esforzarse durante a súa etapa formativa “porque o mundo precisa do voso talento e capacidade para edificar unha sociedade mellor”.