Volta “medrando en Familia” cunha aposta clara por unha alimentación saudable Ao longo do último trimestre do ano, celebraranse varias charlas e obradoiros para familias con nenas e nenos pequenos

Tras as vacacións de verán, regresa o programa “Medrando en Familia”, posto en marcha pola Concellería de Benestar Social do Concello de Tomiño. Trátase dun proxecto de intervención socio-comunitario que busca influír, fundamentalmente, no benestar dos máis cativos e cativas e dar resposta a ese intervalo de poboación que conforma a primeira infancia, e tamén á rede familiar.

Segundo explica Cristina Martínez, concelleira de Benestar, ”a través de encontros e obradoiros, este programa promove a estimulación nun sentido amplo, a adaptación da intervención ás necesidades da familia e en relación aos menores, propiciando aprendizaxes e cambios significativos na súa contorna”.

Varias charlas, encontros e obradoiros marcarán esta nova edición do programa, no que se fará especial fincapé na busca dunha alimentación saudable. Para lograr este obxectivo, a iniciativa propón un encontro (“Tres, dous,un…a comer) o luns 25 de novembro ás 17.30h, no Salón de plenos do Concello (haberá servizo de gardería pero é preciso inscribirse). Asemade, celebrarase un obradoiro sobre Nutrición infantil para familias con fillos/as de 0 a 24 meses (luns 2 de decembro ás 17.30h), e de +24 meses, o luns 9 de decembro ás 17.30h. Ambos os dous no Mercado Municipal.

Información das actividades

Obradoiro estimulación temperá

Medrando co meu BB de 0 a 6 meses

Venres ás 16:30h

Inicio 29 de novembro

Medrando co meu BB de 6 a 12 meses

Venres ás 17:00h

Inicio 18 de outubro

Medrando e xogando de 12 a 18 meses

Venres ás 17:30h

Inicio 25 de outubro

Xogando e descubrindo de 18 a 36 meses

Venres ás 18:30h

Inicio 18 de outubro

 

Espazo: escola infantil Galiña Azul de Tomiño (O Seixo).

Encontro “Tres, dous, un, a comer!”

Luns 25 de novembro ás 17:30h

Salón de plenos do Concello

Nota: Haberá servizo de gardería (é preciso inscribirse)

Obradoiro nutrición infantil

Familias con fillos/as de 0 a 24 meses

Luns 2 de decembro ás 17:30h

Familias con fillos/as de +24 meses

Luns 9 de decembro ás 17:30h

 

Espazo: Mercado de Tomiño