VOLVE A TOMIÑO O CINE NA RÚA PARA O PÚBLICO FAMILIAR Tres citas cos mellores filmes de animación, que comezan este venres as 22 horas na Praza do Seixo con ‘Canta 2’

O Cine na Rúa volve a Tomiño este mes de agosto con tres propostas para o público familiar. As proxeccións comezarán este mesmo venres, 4 de agosto, con ‘Canta 2’, unha divertida historia do mundo do rock. Será na Praza do Seixo ás 22 horas.

A segunda proxección trasládase á Praza Pintor Antonio Fernández, o venres 11 de agosto, tamén ás dez da noite. Desta volta será ‘La vida de calabacín’, unha historia de amizade que estivo nominada ao Oscar.

A terceira cita será de volta na Praza do Seixo o día 25, co aclamado filme ‘Coco’, unha historia que afonda nas tradicións mexicanas relacionadas coa morte.

Todas as proxeccións son de balde e están abertas ao público familiar. O Cine na Rúa repite en Tomiño, tralo éxito que tiveron as edicións anteriores entre o público infantil.