Tomiño e O Rosal crean Agroemprega, un programa formativo para sumar a persoas desempregadas no sector agrícola Participar é de balde e a inscrición pode realizarse nas webs dos dous Concellos ou na Oficina do Servizo de Emprego de Tui

O Concello de Tomiño e o do Rosal, en colaboración coa Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal, organizan o Programa Integrado de Emprego de Galicia, Agroemprega, un proxecto que formará a 100 persoas desempregadas en traballos relacionados co rural. A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e a do Rosal, Ánxela Fernández, explican que con este proxecto “queremos especializar aos veciños e veciñas para que poidan traballar nun sector puxante da comarca”, así como, “darlles unha oportunidade, a través dunha formación gratuíta, para mellorar as súas habilidades para acceder ao mercado laboral”. 

As persoas interesadas poden inscribirse a través das web dos dous Concellos ou na Oficina do Servizo de Emprego de Tui. As rexedoras animan a participar nun programa que ofrecerá durante un ano información, orientación e asesoramento sobre o sector e formación en operacións xerais de xardinería, abonos e fertilizantes, técnicas de rega e poda, produción integrada en froiteiras e hortalizas, condución de carretillas elevadoras, prevención de riscos laborais, alfabetización informática… Así como técnicas de coaching, intelixencia emocional e técnicas de motivación para a busca de emprego, tanto por conta propia como allea.

Agroemprega será un programa moi práctico e que tamén atenderá ao fomento da capacidade emprendedora, á prospección empresarial e que tratará de emparellar ás persoas participantes con ofertas de traballo activas. Ademais, destacan Ánxela Fernández e Sandra González, a formación potenciarase con prácticas non laborais en distintas empresas da comarca. 

“O agro é un nicho de creación de emprego e de fixación de poboación no rural que debemos potenciar ao máximo”, inciden as alcaldesas, xa que ambas o consideran un sector estratéxico e de futuro para Tomiño e O Rosal.