Tomiño abre a inscrición para ‘Coñecendo as emocións’, un programa municipal de benestar das persoas maiores pioneiro

Tomiño abre a inscrición para ‘Coñecendo as emocións’, un programa municipal de benestar das persoas maiores pioneiro

A Asociación Vontade e o Centro de Día serán os dous espazos nos que se impartirá esta iniciativa para mellorar o benestar emocional de tomiñeses e tomiñesas

Tomiño mantén o seu compromiso polo coidado das persoas maiores coa apertura do prazo para inscribirse en ‘Coñecendo as emocións’, un proxecto do Concello e Afundación pioneiro a nivel municipal en toda Galicia que busca mellorar a calidade de vida de tomiñeses e tomiñesas a través da xestión das súas emocións no día a día.

O programa abre as súas portas en dous espazos cunha serie de actividades dúas horas á semana durante os vindeiros tres meses que serán impartidas por profesionais da psicoloxía. Por un lado, o Concello porá en marcha o proxecto na Asociación de persoas con discapacidade Vontade impartido pola psicóloga de Afaga. As clases, que comezarán o vindeiros 9 de outubro, impartiranse os mércores de 16.00 a 18.00 horas e as persoas interesadas deberán inscribirse a través do formulario habilitado na páxina web municipal. Por outra banda, tamén se impartirán sesións no Centro de Día de Tomiño a cargo da psicóloga do propio centro. As clases comezarán o 7 de outubro e serán impartidas todos os luns de 10.30 a 12.30 horas. As persoas interesadas en asistir a estas clases deberán inscribirse no propio Centro de Día. Unha vez iniciado o programa pecharanse de forma definitiva as inscricións.

Como sinala a alcaldesa, Sandra González, trátase “dun proxecto innovador moi necesario para que as nosas e nosos maiores adquiran habilidades emocionais que melloren a súa vida diaria, sempre acompañados por un equipo de profesionais que lles transmitan a seguridade e confianza necesarias”.

Este proxecto co que Tomiño se sitúa á vangarda do benestar emocional, forma parte de ‘Impacto saudable’, unha completa axenda posta en marcha polo Concello cunha programación deseñada para promover a actividade física e os hábitos de vida saudables especialmente entre as persoas adultas, con camiñadas e outro tipo de accións que lles axude a mellorar a súa condición física e, polo tanto, o seu benestar.

O concelleiro de Benestar Social e Deportes, Rubén García, convida a todas as persoas interesadas a participar “neste proxecto pioneiro que permite ao Concello de Tomiño marcar un novo fito na atención ao benestar íntegro da súa veciñanza de maior idade”.