A diversidade e exuberancia vexetal dun xardín en Caldas de Reis, gañadora dos IV Premios Xardín Galego

A diversidade e exuberancia vexetal dun xardín en Caldas de Reis, gañadora dos IV Premios Xardín Galego

O autor, Ángel Otero, recolleu o seu galardón nunha gala de entrega de premios celebrada no salón de plenos do Concello de Tomiño

O xardín Mourelos de Martín Toimil e o proxecto de paisaxismo no Palacio da Oliva de Ángel Romero obtiveron o segundo e terceiro premio

Grandísimo nivel de participación na cuarta edición dos Premios Xardín Galego que cada ano conceden a Asociación de Cultivos do Baixo Miño (acuBam) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (AGAEXAR) para recoñecer e difundir actuacións exemplares en traballos de xardinería pública e privada, poñendo en valor o sector, promovendo a innovación e promocionando o sector da xardinería.

Un xardín privado en Caldas de Reis deseñado por Ángel Otero foi elixido polo xurado como gañador desta cuarta edición pola súa aposta firme e decidida pola diversidade vexetal. Deste xeito, Otero revalida o título de gañador que xa obtivera o ano pasado pola “resolución brillante de deseño e de composición baseada na exuberancia das plantas e das súas floracións, facendo unha excelente lectura potencial das terrazas para albergar unha colección botánica máis que interesante”. Os membros do xurado destacaron que a proposta “roza a perfección” e que no deseño domina o elemento vexetal e a cor, creando espazos interesantes visualmente nos que o cambio estacional recreará escenarios diferentes.

Martín Toimil, de LaND30, obtivo o segundo posto con ‘Mourelos’, unha proposta na que destaca a “marabillosa selección de especies e a súa combinación nun mixed border interesante. Diversidade vexetal en estado puro e fomento da biodiversidade cun bo xogo de texturas e cores, equilibrio e harmonía”. Os cinco expertas e expertos membros do xurado destacaron a boa elección de especies para crear un ambiente singular e un xardín paisaxista naturalista.

Pola súa banda, o terceiro premio desta nova edición dos galardóns de acuBam e AGAEXAR recaeu en Ángel Romero, de ARomero Paisaxismo, polo seu proxecto de paisaxismo no Palacio da Oliva de Vigo. O xurado destacou que se trata dunha proposta na que o xardín está “moi ben adaptado á arquitectura, cunha boa selección de especies e coa colocación de plantas en espazos verticais que dotan ao conxunto de máis verde”. Unha actuación “sobria e elegante” que harmoniza coa contorna “sen quitarlle protagonismo, cunha boa combinación de materiais inertes e vexetación” que dan lugar a un xardín de baixo mantemento.

O xurado quixo agradecer expresamente a todas e todos os candidatos o esforzo para presentar os seus traballos a esta nova edición dos premios, que contou tamén coas propostas de xardín aberto ao mar de Magda Jandová (Viveiros Adoa), a mellora paisaxística dun xardín en Celanoda de R. Aricia Rodríguez, rotondas no Porriño a cargo de Sinda Davila, o proxecto ‘10×7’ de José Souto (Innova Paisaxes) en Boiro, a Praza do Calvario no Rosal de Víctor Mario Pérez (Píntega Xardíns) e o reacondicionamento do xardín Charo obra de Marina Muñoz (Brivegmar).

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González; a presidenta de acuBam, Mariví Álvarez; o presidente de AGAEXAR, Víctor Pérez; autoras e autores das propostas gañadoras así como o resto de empresas e persoas autónomas participantes no certame estiveron na gala de entrega de premios que se celebrou no salón de plenos do Concello de Tomiño. A entrega arrancou con varias charlas abertas tamén ao público, na que se afondou sobre programadores de rega orientados a viveiros de produción e xardinería, sobre os desafíos fitopatolóxicos na planta ornamental ou a presentación de produtos a cargo de Suministros e Instalacións Río Verde.