A Escola de Teatro e de Tenis de Tomiño abren as súas portas co novo ano

A Escola de Teatro e de Tenis de Tomiño abren as súas portas co novo ano As persoas interesadas poden facer xa a súa inscrición a través da web do Concello

O novo ano arrancará en Tomiño con dúas novas actividades coas que achegar á veciñanza ao mundo do deporte e da interpretación. A partir do vindeiro mes de xaneiro volven abrir as súas portas a Escola de Teatro e a Escola de Tenis, para as que as persoas interesadas poden facer xa a súa inscrición a través da páxina web do Concello.

A Escola de Teatro estreará curso co inicio do novo ano. No mes de xaneiro subirá o pano para que nenas e nenos, mocidade e persoas adultas poidan achegarse ao mundo teatral ao tempo que se estimulan as capacidades creativas, se fomenta o traballo en equipo ou se melloran os recursos comunicativos, entre outros aspectos. Ademais, combínanse a expresión dramática coa creación, co ensaio e coa posta en escena dunha obra.

Coa grupo de cativos e cativas de 4 a 8 anos xa pechado, a Escola de Teatro ten aberto o prazo de inscriciónpara o grupo de 9 a 12 anos, que darán clase os martes de 16.00 a 17.15 h, e para o grupo de máis de 13 anos, que terán os ensaios os martes de 19.15 a 20.30 horas. As clases serán no auditorio de Goián, durarán ata o vindeiro mes de xuño e terá un prezo mensual de 15 euros.

Pola súa banda, a Escola de Tenis abrirá as súas portas nas pista de tenis do Mosteiro a comezos do vindeiro mes. A actividade será impartida nestas pistas municipais por profesionais deste deporte que introducirán ás persoas interesadas no mundo do tenis. En caso de choiva as clases impartiranse nun espazo cuberto alternativo.

A Escola de Tenis estará aberta de xaneiro a xuño e de setembro a decembro, con clases os martes de 16.00 a 17.00 e de 18.00 a 19.00 horas e os sábdos de 10.00 a 11.00, de 11.00 a 12.00 e de 12.00 a 13.00 horas. O prezo será de 25 euros ao mes un día á semana e de 30 euros dous días semanais por alumno ou alumna. Xa poden inscribirse a través da web nenos e nenas a partir de 4 anos e persoas adultas sen límite de idade.