A Escola de Teatro retoma a súa actividade As clases comezarán o vindeiro 18 de outubro no auditorio de Goián. Xa está aberta a inscrición para o grupo de nenas e nenos de 4 a 8 anos

A Escola Municipal de Teatro retoma a súa actividade este mes de outubro para achegar a nenos e nenas e a mocidade ao mundo teatral. Tras a parada estival, as clases comezarán de novo o vindeiro 18 de outubro no auditorio de Goián con grupos reducidos dun máximo de 10 persoas por mor das restricións actuais e con todas as medidas de prevención necesarias para garantir a saúde de alumnado e profesorado.

As clases desenvolveranse luns e martes en diferentes horarios dependendo dos grupos, todos eles pechados co alumnado que xa participaba na actividade o curso pasado. O único grupo para o que se abrirá inscrición será para o de nenas e nenos de 4 a 8 anos, para os que xa se pode facer a solicitude de praza a través da web municipal. Este grupo, o que ten alumnado de menor idade, terá clase os luns de 17.30 a 18.45 horas e o prezo por mes será de 15 euros.

O obxectivo desta actividade, cada vez máis consolidada entre a poboación tomiñesa, é introducir ás e aos participantes no mundo teatral ao tempo que se estimula a imaxinación e as capacidades creativas, fomentando o traballo en equipo e mellorando os recursos comunicativos, entre outros aspectos. Trátase dunha actividade na que se combina a expresión dramática coa creación, o ensaio e a posta en escena dunha obra.