A Eurocidade Cerveira Tomiño presenta en Hungría a evolución das súa cooperación transfronteiriza entre Galicia e Portugal

A Eurocidade Cerveira Tomiño presenta en Hungría a evolución das súa cooperación transfronteiriza entre Galicia e Portugal A concelleira Fátima Rodríguez asistiu a un encontro celebrado ao abeiro do proxecto BRIDGE, que busca crear unha rede de cidades trasfronteirizas no que participan socios de 10 países europeos

A Eurocidade Cerveira-Tomiño continúa tecendo redes de colaboración e levando o seu modelo de cooperación transfronteiriza por Europa. A concelleira da Eurocidade e Mocidade de Tomiño, Fátima Rodríguez, e o técnico de proxectos europeos Xabier Macías participaron a pasada semana en Hungría nun encontro do proxecto BRIDGE, que busca crear unha rede de cidades e entidades transfronteirizas no que participan ademais de Tomiño e Cerveira entidades de Bulgaria, Hungría, Eslovaquia, Eslovenia, Serbia, Italia, Chipre, Lituania e Letonia. A delegación da Eurocidade estivo tamén integrada por técnicas da Cámara de Cerveira implicadas na xestión cultural e na cooperación transfronteiriza.
Durante este encontro celebrado nas cidades de Bükkábrány e Miskolk, edil e técnicos presentaron aos representantes dos 11 socios do proxecto a evolución da cooperación transfronteiriza entre Galicia e Portugal. “Explicamos como foron cambiando as relacións entre os concellos das dúas beiras do Miño co paso dos anos, como fomos afianzando a nosa relación e todos os proxectos e accións comúns que temos en marcha”, sinalou a concelleira.
Foron tres días de intercambio de experiencias nos que as e os participantes tamén visitaron Roznava, en Eslovaquia e o condado de Borsod-Abaúj-Zemplen, no nordés da Hungría, onde a Eurocidade presentou ante o público dous vídeos sobre o impacto do peche da fronteira pola COVID-19 na percepción das institucións europeas que incluíu opinións da veciñanza de Tomiño e Cerveira, moi afectada pola imposibilidade de cruzar ao outro lado do Miño.
O obxectivo do proxecto BRIDGE é promover a cidadanía transfronteiriza e a cohesión social alén das fronteiras. Ata outubro de 2022 as 11 entidades socias analizarán as causas que alimentan a xenofobia e o euroescepticismo en moitos países, presentando posibles solucións para garantir que as rexións tranfronteirizas da Unión Europea poidan, a través dos seus propios medios, mellorar a cidadanía europea con experiencias compartidas como a da Eurocidade Cerveira-Tomiño.
Ao longo do proxecto abordaranse temas como os programas de financiamento e oportunidades para promover a cooperación transfronteiriza e europea; os problemas causados pola suspensión do Tratado de Schengen durante a pandemia; as iniciativas de cooperación transfronteiriza nas áreas social, cultural, ambiental e de cidadanía ou as dificultades legais na cooperación transfronteiriza.
Trátase dun dos cinco encontros internacionais que arrancaron o pasado 2021 en Cerveira e Tomiño e que se prevé que se prolonguen ata finais deste 2022 nas zonas tranfronteirizas de Bulgaria e Serbia, Italia e Eslovenia e Lituania e Letonia, ademais da de Hungría e Eslovaquia desta ocasión.
O proxecto, coordinado pola Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira, conta coa financiación do programa Europa para os Cidadáns, que ten como obxectivo contribuír ao coñecemento da historia e a diversidade da Unión Europea, ademais de promover a cidadanía europea mellorando as condicións de participación cívica e democrática.