13 Dec A OMIX suma un curso de cestaría á súa formación Dirixido a mocidade a partir de 12 anos, impartirase este domingo 18 en Goián. As persoas interesadas poden inscribirse a través da web do Concello
O Concello de Tomiño continúa apostando pola formación para a mocidade a través de novos cursos, obradoiros e iniciativas que mesturan a innovación coa tradición para que a rapazadas siga aprendendo e divertíndose a partes iguais. A OMIX trae para esta fin de semana unha nova proposta coa artesanía como eixo central: un curso monográfico de cestaría.
Este domingo 18, a mocidade a partir de 12 anos poderá participar nun curso básico no que se darán datos detallados sobre a peza ou as pezas coas que se traballará e sobre a identificación das diferentes materias primas que se empreguen. Neste curso, cada persoa participante aprenderá a confeccionar, crear e compoñer a súa propia peza coa guía que achegue o docente.
O curso celebrarase en Goián durante toda a xornada do domingo de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 20.00 horas e terá un custo de 10 euros. As persoas interesadas poden aínda inscribirse para participar a través da web do Concello.
A través da súa programación, a OMIX do Concello de Tomiño busca “achegar á nosa mocidade unha programación actual, na que se traten temáticas non só que lles poidan brindar oportunidades persoais e profesionais no futuro, senón tamén que lles interesen especialmente, como é o caso da artesanía”, como salienta a alcaldesa, Sandra González.