Abre o prazo de inscrición para participar na Escola Municipal de Teatro

Abre o prazo de inscrición para participar na Escola Municipal de Teatro Con catro grupos para todas as idades, as clases comezarán o 5 de novembro e desenvolveranse no Auditorio de Goián

A Escola Municipal de Teatro abre o martes 1 de outubro o prazo de inscrición para participar neste novo curso, que un cano máis contará cun total de catro grupos de infantil, mocidade e adultos. Trátase dunha entidade xa consolidada con varios anos de funcionamento, que foi crecendo pouco a pouco para dar resposta á demanda da poboación para acabar converténdose en referente cultural na comarca do Baixo Miño e que na actualidade conta máis de 60 persoas participantes.

Impartidos por Migallas Teatro, o obxectivo desta actividade é introducir a todas as persoas interesadas no mundo teatral, “ao tempo que se estimula a imaxinación e as capacidades creativas, se fomenta o traballo en equipo e se melloran os recursos expresivos e comunicativos”. Aulas eminentemente prácticas nas que se estudarán e traballarán aspectos básicos da creación escénica, como expresión dramática, improvisación, expresión oral, movemento expresivo, ritmo ou creación de personaxe, técnicas que se aplicarán nas pezas teatrais que o alumnado representará a final de curso.

As clases comezarán o vindeiro 5 de novembro e serán impartidas todos os martes polas tardes de 16.00 a 17.30 h o grupo de 9 a 12 anos; de 17.30 a 19.00 h o grupo de 4 a 8 anos; de 19.00 a 20.30 h o grupo de 13 a 17 anos e de 20.30 a 22.00 h o grupo de adultos (a partir de 18 anos). Todas as clases impartiranse no auditorio de Goián.

Todas as persoas interesadas poderán inscribirse ata o vindeiro 15 de outubro. Os grupos contan con prazas limitadas e o prezo da actividade é de 15 euros ao mes, aínda que existen descontos no caso de asistir varios membros dunha mesma familia a calquera dos grupos formados.

Para máis información e inscricións os interesados deben dirixirse ás oficinas de Rexistro do Concello de Tomiño, chamar ao teléfono 986 622 001 ou encher o formulario de inscrición.