As Rutas de Artes e Oficios regresan este verán a Tomiño Comezarán coa visita a Viveiros da Barxa o 13 de xullo para continuar no mes de agosto con Cítrico Rías Baixas e o obradoiro de torneado en madeira Vikensen

Xa está aberta na web municipal a inscrición para participar

Tomiño é terra de artistas, pintores, escultores, ceramistas, viveiristas e un longo etcétera. Para achegar á veciñanza a esta realidade, o Concello de Tomiño pon en marcha un ano máis as Rutas de Artes e Oficios, que ofrecerán tres visitas comentadas polas e polos artistas e artesáns, todas de balde, coas que promocionar esta riqueza cultural e patrimonial.

Durante a visita, as persoas participantes poderán coñecer de primeira man o día a día dos traballos que se levan a cabo polas e polos diferentes profesionais, coñecendo os procesos de elaboración, os materiais empregados e todos os segredos que queiran amosar ao público in situ.

“Que mellor forma para promocionar o noso patrimonio cultural que mergullándonos no día a día do traballo destes e destas profesionais, coñecendo dende os talleres nos que se forxa a creatividade ata os viveiros nos que florece a nosa propia natureza”, explica a alcaldesa, Sandra González.

A Ruta de Artes e Oficios arranca esta edición o vindeiro xoves 13 de xullo cunha visita guiada aos Viveiros da Barxa ás 20.30 horas. As persoas participantes terán a oportunidade de coñecer como se traballa nun dos sectores máis importantes para a economía do municipio, neste caso achegándose a un viveiro especializado en plantas ornamentais.

A segunda das rutas será xa o día 3 de agosto, tamén ás 20.30 horas, e nesa ocasión o público poderá coñecer as diferentes variedades de cítricos coas que traballan en Cítricos Rías Baixas, así como todo o relacionado co seu cultivo, os coidados ou a demanda do produto.

Xa por último, as Rutas de Artes e Oficios rematarán o xoves 10 de agosto coa visita ao obradoiro de torneado en madeira Vikensen, dirixido por Aitor Martínez, finalista o ano pasado dos XV Premios Nacionais de Artesanía na modalidade de Emprendemento.

As persoas interesadas en asistir deberán inscribirse previamente a través da web municipal.