Case 200 obras de Castelao para desfrutar da obra e pensamento dun dos creadores galegos máis singulares

O Mercado de Tomiño acolle a exposición ‘Castelao grafista’, unha mostra que reúne facsímiles, debuxos, caricaturas, retratos e portadas de libros ilustradas polo escritor 

Estará aberta de martes a domingo do 16 de febreiro ao 17 de marzo

Case 200 obras de Castelao para desfrutar da obra e pensamento dun dos creadores galegos máis singularesA evolución da obra artística de Castelao chega a Tomiño. O Mercado Municipal de Tomiño acolle dende o vindeiro 16 de febreiro ata o 17 de marzo a exposición ‘Castelao grafista (facsímile)’, unha mostra realizada en colaboración con Afundación que reúne unha ampla selección das múltiples facetas do rianxeiro.

Un proxecto de difusión internacional coa que divulgar a obra e o pensamento dun dos creadores galegos máis singulares e permitirá a tomiñeses e tomiñesas “coñecer e desfrutar dalgunhas das súas creacións e das súas inmensas achegas á historia máis recente de Galicia”, como sinalou a alcaldesa, Sandra González.

Caricaturista, debuxante, ilustrador, columnista, escritor, pintor, escenógrafo, ensaísta, historiador, etnógrafo, teórico, político… Alfonso Daniel Rodríguez Castelao foi un dos máis importantes intelectuais galegos, un verdadeiro humanista e un referente de loita, amor e traballo por Galicia. A mostra reúne 19 facsímiles da Colección de Arte Afundación e 89 debuxos do álbum ‘Cousas da vida’ de Castelao, dos que 49 pertencen á Colección de Arte ABANCA, xunto con obras procedentes doutras institucións, galerías e particulares. Ademais, o público poderá desfrutar de 3 retratos fotográficos, 4 caricaturas e 17 debuxos e portadas de revistas, ler o texto orixinal do álbum Nós e contemplar 2 manuscritos de Castelao, 18 portadas das primeiras edicións dos seus libros, 3 páxinas interiores, 14 portadas de libros ilustradas por Castelao e 3 debuxos.

O Concello de Tomiño colabora con este proxecto expositivo organizado por Afundación Obra Social ABANCA, a Fundación Gonzalo Torrente Ballester, a Real Academia Galega de Belas Artes e a Xunta de Galicia. A mostra estará aberta ao público de martes a domingo de 09.00 a 14.00 e de 19.00 a 22.00 horas e contará cun acto de inauguración oficial o vindeiro mércores 21 de febreiro ás 19.00 horas que estará aberto ao público.

A mostra trae ademais aparellada a acción social denominada ‘CulturaxAlimentos’, unha iniciativa de recollida de alimentos non perecedoiros. Dende o Concello anímase a todas as persoas asistentes á exposición a colaborar con esta campaña achegando alimentos que logo serán repartidos no municipio a través do servizo de Benestar Social do Concello de Tomiño.