Cinco medallas para Os Teixugos na 1ª COPA de ESPAÑA “JÓVENES PROMESAS” do slálom Na categoría cadete Ainhoa Barreiro fixo a mellor baixada en K1, acadando a medalla de ouro por diante da tamén teixuga Alba Soutelo que foi segunda

Unha vez máis, esta fin de semana os máis pequenos do Club Deportivo Miño volveron as augas do río Xallas, desta vez para disputar a primeira Copa de España ”Jóvenes Promesas”. Nenas e nenos de entre oito e dezaseis anos de tódolos clubs de España déronse cita nas augas do campo de slálom do Couquiño en Dumbría, nunha fin de semana de competición, convivencia e reivindicación.

Cinco foron as medallas acadadas polos teixugos na primeira das competicións da Liga Española de Promoción do Slálom.

Impresionante foi o balance final das mulleres do noso club. Na categoría cadete Ainhoa Barreiro fixo a mellor baixada en K1, acadando a medalla de ouro por diante da tamén teixuga Alba Soutelo que foi segunda. As mesmas deportistas, pero en canoa ou C1, tamén dominaron o podio, sendo, nesta ocasión, o ouro para Alba e a prata para Ainhoa. A outra medalla foi para o tamén cadete Samuel Castro, que en canoa fixo o segundo mellor tempo, por detrás de Álex Segura do Atlético San Sebastián. Outros tres piragüistas completaron o equipo que acudiu a Dumbría, Sergio Rodríguez foi cuarto en K1 cadete, Mateo Álvarez foi vixésimo en K1 infantil A e Adrian Lluch oitavo en K1 Infantil B.

Esta xornada, e a da semana pasada, tiveron ademais un certo carácter reivindicativo, pois o slálom galego está loitando pola construción dunha canle de augas bravas en Galicia, que, de facerse, podería chegar a converterse nun importante motor económico e deportivo a nivel nacional, pois a única canle de augas bravas de España atópase na Seu D´Urgell, polo que unha canle galega mobilizaría a deportistas galegos, portugueses e casteláns.

Finalmente recordar que o vindeiro sábado día 6 de xullo, de catro a sete da tarde o Club Deportivo Miño-Teixugos celebra a súa xornada de portas abertas, dende o club animámosvos a acudir.

Informa: Rosa Fdez. Carrera.