Dispoñibles xa en Youtube e na web municipal as conferencias da VI Semana da Educación

Dispoñibles xa en Youtube e na web municipal as conferencias da VI Semana da Educación Éxito rotundo da edición online destas xornadas, con máis de 300 participantes en cada conferencia. Por primeira vez as charlas contaron con intérprete de lingua de signos

O Concello apostou por reinventarse para poder continuar coa xa tradicional Semana da Educación de Tomiño, que este ano chegaba á súa sexta edición con catro destacados profesionais cos que afondar en educar con emoción e aprender con paixón. Ante a complicada situación sanitaria, para facilitar a asistencia e abrir as charlas ao maior número posible de persoas, o Concello decidiu realizar unha edición vía streaming que contou cun grande apoio por parte de pais e nais e tamén da comunidade educadora.

Con case 400 persoas inscritas en total, tanto de Tomiño como doutros puntos de Galicia, a VI Semana da Educación converteuse en todo un éxito cunha media de máis de 300 participantes en cada unha das conferencias. Unha semana na que destacados expertos afondaron en diferentes claves para que familias, docentes e outro persoal educador entendan como abordar a educación de xeito emotivo, crítico, igualitario e seguro.

Así, o avogado, investigador e docente Octavio Salazar inaugurou este anos as xornadas falando da importancia dunha educación paritaria que incorpore a perspectiva feminista e da necesidade de desenvolver programas específicos de intervención coa mocidade. A música e docente Almudena González explorou a importancia das emocións musicais no ámbito educativo e a súa relación coa neurociencia, mentres que a xornalista Marta Peirano ofreceu afondou na importancia de combater a desinformación nas redes sociais, analizando as ferramentas que se teñen a man para poder facelo. O psicólogo Alberto Soler pechou o ciclo de conferencias abordando un tema que causa grande interese entre o público: as normas, os límites, os premios e os castigos.

Por outra banda, por primeira vez as charlas contaron con interpretación simultánea en lingua de signos, garantindo así tamén a inclusión das persoas xordas. Os vídeos das conferencias íntegras, coa charla e a quenda de preguntas, xa están dispoñibles na web do Concello e na canle municipal de Youtube.