Fillas de Cassandra desembarca en Tomiño cunha palestra e un concerto co que conectar presente e pasado

A palestra impartirase o sábado 12 de agosto, de balde e dirixido a mocidade a partir de 12 anos. É necesaria inscrición previa  

O concerto será ese mesmo día ás 22.00 horas na Praza Pintor Antonio Fernández

 

Tomiño viaxará entre o presente e o pasado da man de Fillas de Cassandra, un dos proxectos da nova música emerxente máis prometedores do panorama galego. O dúo visitará o municipio o sábado 12 de agosto, Día Internacional da Mocidade, con dobre obxectivo: ofrecer unha palestra para mocidade e dar un concerto aberto a todos os públicos.

Rapazas e rapaces a partir de 12 anos poderán participar nun encontro de balde organizado e levado a cabo polas dúas compoñentes do grupo, as viguesas María Pérez e Sara Faro. A partir dos temas do disco ‘Acrópole’, as e os participantes explorarán as resonancias actuais da mitoloxía, revisando as experiencias como mulleres para conectalas coas das heroínas clásicas para reflexionar sobre a necesidade do feminismo como ferramenta de transformación e a música como posible vehículo para este cambio. Comezará ás 19.00 horas, terá unha duración de 45 minutos e ao remate abrirase quenda de rogos e preguntas por parte da mocidade asistente. Será no Espazo Mercado de Goián e as inscricións xa están abertas na web do Concello.

Ese mesmo día, ás 22.30 horas o dúo vigués subirase ao escenario na Praza Pintor Antonio Fernández para ofrecer ao público un concerto de balde no que a música tradicional galega mestúrase co pop electrónico para revisitar a mitoloxía clásica desde unha óptica feminista, pensamento que atravesa todas as súas composicións. En ‘Acrópole’, o seu primeiro EP, a banda propón un espectáculo que bebe do teatro, convidando ao público a ser parte dunha viaxe ao longo da historia, recoñecendo as súas vivencias presentes como mulleres nas das súas devanceiras.

Transcorrido pouco máis dun ano dende a súa formación, o grupo xa pode presumir de se atopar nos cartaces dos festivais máis relevantes do país: Revenidas, Osa do Mar, Son do Camiño, Castañazo Rock e un longo etcétera. Fillas de Cassandra é un exemplo do pulo á musica tradicional, especialmente entre a mocidade, que se está a experimentar na Galiza. No tradicional dos temas están influenciados por Xosé Lois Romero e Aliboria, Leilía, Baiuca, etc. Nas harmonías traballan con referentes do barroco e, pola electrónica, teñen na cabeza a Rosalía ou a Bad Gyal. “A música tradicional é a música pop máis antiga que existe”.