O Goberno municipal de Tomiño esixe á Xunta unha reapertura total do consultorio de Goián Salienta a falta de compromiso do Sergas, xa que o centro abriu cun médico temporal que pasa consulta só tres veces á semana

O Goberno municipal de Tomiño quere expresar a súa profunda disconformidade coa xestión que está a facer a Xunta do consultorio de Goián e esixe a súa reapertura total. Tras case catro anos pechado, o Sergas asegurou no acto inaugural que o consultorio volvería abrir as súas portas ao 100% o pasado 24 de xaneiro, non obstante nestes 15 días xa pasaron dous médicos substitutos e se pásase consulta só tres veces á semana.

Dende o Concello maniféstase a preocupación pola reiterada falta de compromiso e de palabra do Sergas. A demanda é clara: Tomiño quere un consultorio aberto todos os días e con profesionais permanentes que velen pola saúde das e dos pacientes.

O Goberno municipal lamenta que a Xunta empregara o anuncio da reapertura do consultorio de Goián dun xeito electoralista, anunciando en precampaña a apertura dun servizo que non conta nin con médico definitivo. Os veciños e veciñas de Tomiño queren saber se hai xa asignado un médico definitivo ao consultorio de Goián, como afirmou o xerente do Sergas na súa inauguración.

Este uso electoralista do consultorio xa se dera nas pasadas eleccións municipais, o Sergas acusou a Tomiño de non ter dispoñibles as instalacións para o consultorio, cando o Concello puxera xa o 1 de abril a disposición da Xunta o novo inmoble tras investir 18.500 euros en reformas e subministros.

Trátase dunha situación que non só afecta ao consultorio de Goián, senón que tamén atinxe ao centro de saúde de Tomiño, onde a falta de persoal e a non cobertura de vacacións nin baixas médicas provoca que moitos días haxa só un médico ou médica para 14.000 persoas.

Desde o Concello esiximos ao Sergas que cumpra coas súas responsabilidades, que explique a planificación de persoal prevista para o consultorio e cando se vai a incorporar o médico ou médica fixa para atender ás e aos pacientes os cinco días á semana. O Goberno municipal non se conformará co progresivo deterioro dos servizos sanitarios esenciais e demanda actuacións inmediatas para resolver a situación.