O Nadal desembarca no Mercado de Tomiño cun espectáculo para a cativada

O Nadal desembarca no Mercado de Tomiño cun espectáculo para a cativada Migallas Teatro achega o teatro ás e aos máis pequenos con ‘Contarte con arte’. O martes 26 ás 11.30 horas

O espírito do Nadal desembarca no Mercado de Tomiño cunha experiencia teatral única para gozar en familia. O vindeiro martes 26 de decembro Migallas Teatro deslumbrará ao público con ‘Contarte con arte no Nadal’, un espectáculo que fusiona a tradición, a crítica e a diversión cunha ollada universal ás situacións da vida cotiá.

Con esta proposta, a compañía achegará o teatro a todas as idades nunhas datas tan sinaladas, proporcionando momentos cheos de gargalladas pero tamén de reflexión nun ambiente festivo e divertido.

O espectáculo, de balde, comezará ás 11.30 horas no primeiro andar do Mercado de Tomiño, que se transformará nun escenario máxico no que rapazada e familias poderán mergullarse na maxia do teatro cunha perspectiva fresca e contemporánea. O evento forma parte das actividades programadas polo Concello de Tomiño “para que a veciñanza goce desta época tan sinalada non só cunha morea de actividades de balde, saíndo ás nosas rúas e desfrutando do noso municipio”.