O programa ‘Coidados porta a porta’ regresa este mes a Tomiño

O programa ‘Coidados porta a porta’ regresa este mes a Tomiño Unha unidade móbil estará no torreiro do Alivio para prestar de balde servizos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria a maiores de 55 anos

Tomiño acolle este mes de outubro unha nova visita dunha unidade móbil do programa ‘Coidados porta a porta’, unha iniciativa posta en marcha pola Xunta de Galicia con fondos europeos ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia que busca achegar servizos aos usuarios e usuarias.

Deste xeito, os vindeiros 27 e 28 de outubro e 2 de novembro, unha unidade móbil instalarase no torreiro do Alivio para prestar de forma gratuíta os servizos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria a persoas maiores de 55 anos residentes no municipio. O horario de atención será das 09.00 ás 20.00 horas.

As persoas interesadas en participar neste programa deberán solicitar cita previa a través dos teléfonos 622 748 283 ou 623 546 992 ou enviando un correo electrónico a coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, anima á poboación maior de 55 anos do municipio a participar neste programa, destinado especialmente a efectuar revisións e valoracións auditivas, atención podolóxica para prevención e tratamento das principais patoloxías e realización de probas de valoración cognitiva para a prevención de doenzas como o Alzheimer ou demencias neurodexenerativas.

Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Cristina Martínez, lembra que as unidades móbiles deste programa volverán visitar Tomiño ao longo do vindeiro ano 2023 para seguir prestando estes servizos.