Superpoderes, lingua e artesanía nos novos cursos da OMIX de Tomiño para este outono O Concello ven de abrir o prazo para inscribirse no curso de lingua de signos, no de cestería e nun obradoiro con metodoloxía Lego® Serious Play®

O Concello de Tomiño segue a por en marcha novos cursos, obradoiros e iniciativas para que a mocidade siga aprendendo e divertíndose durante os meses de outono. A OMIX acaba de abrir o prazo de inscrición para tres novidosos cursos de tres ámbitos totalmente diferentes: os idiomas, a artesanía e as novas tecnoloxías. “Queremos achegar á nosa mocidade unha programación actual, na que se traten temáticas que lles interesan especialmente e que poden brindarlles novas oportunidades persoais ou profesionais”, destaca a alcaldesa, Sandra González.

Baixo esta premisa desembarca en Tomiño un innovador obradoiro realizado baixo a metodoloxía Lego®Serious Play®, unha ferramenta que facilita a reflexión, a comunicación e a resolución de problemas baseándose nas construcións 3D e que permitirá a todas e todos os participantes converter as súas habilidades en ‘Superpoderes’. A través deste obradoiro os rapaces e rapazas a partir dos 16 anos “indagarán dun xeito eminentemente práctico e vivencial sobre as súas habilidades reais para abrir un camiño de posibilidades cara ao futuro persoal e profesional, xogando seriamente e dun xeito creativo”. “Este método parte dun principio exemplar: que todas as persoas temos algo único e valioso que achegar. E iso permitirá ás e aos participantes aprender a reflexionar, a comunicarse e a enfrontarse a desafíos complexos”, explica a rexedora. O curso impartirase o sábado 19 de novembro de 09.30 a 14.00 horas en Goián e terá un prezo de 10 euros.

Deixando as novas tecnoloxías a un lado, os e as amantes dos idiomas poderán achegarse á lingua de signos española con un curso de nivel elemental para o que non se precisa coñecemento previo. Será 30 horas de clase moi prácticas nas que se buscará a máxima implicación e participación activa do alumnado para traballar as destrezas principais da lingua, como a expresión, a interacción e a compresión signada. O curso comezará o vindeiro 26 de novembro e impartirase todos os sábados de 12.00 a 14.00 horas en Goián. Pensado para rapazas e rapaces a partir de 12 anos, terá un prezo de 15 euros por persoa participante.

En decembro chega a artesanía á OMIX de Tomiño cun curso monográfico de cestería, no que cada persoa participante aprenderá a confeccionar, crear e compoñer as súas propias pezas coa guía do docente. O obradoiro será de balde, estará destinado a rapaces e rapazas a partir de 12 anos e impartirase de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 20.00 horas en Goián.

As persoas interesadas en participar en calquera destes obradoiros poden inscribirse xa a través da páxina web do Concello de Tomiño.