Tomiño celebra o seu deporte

Tomiño celebra o seu deporte O Concello organiza este sábado 3 de febreiro a VII Gala do Deporte, coa que render homenaxe ás e aos deportistas tomiñeses e ao seu ano de éxitos

Por primeira vez contouse coa participación de clubs e veciñanza para propoñer candidaturas

Tomiño reúnese un ano máis para celebrar os éxitos do seu deporte e de todas e todos os deportistas do municipio. O Concello organiza este sábado 3 de febreiro a sétima edición da Gala do Deporte, unha noite de encontro na que homenaxear a todas as persoas deportistas tomiñesas e premiar a aquelas que brillaron especialmente ao longo dos últimos doce meses.

“O 2023 foi un ano repleto de éxitos deportivos para o noso municipio, unha lista de logros que crece ano a ano e que fai aínda máis necesaria esta gala, un evento no que recoñecer o arduo traballo, a dedicación e o esforzo das nosas e nosos deportistas. Os premios son só a punta do iceberg dos innumerables éxitos acadados o ano pasado, por iso convertemos a gala no mellor escenario para festexar o talento deportivo tomiñés”, explica o concelleiro de Deportes, Rubén García.

Por primeira vez, o Concello contou coa colaboración tanto dos clubs como da veciñanza para propoñer candidaturas para optar as diferentes categorías, facendo o proceso transparente e participativo. “Cada tempada hai máis deportistas das disciplinas máis variadas que obteñen grandes éxitos tanto en Tomiño como fóra e queremos que todas e todos teñan a oportunidade de ver recoñecido o seu traballo na súa terra. Tras a primeira fase de proposta de candidaturas agora é un xurado o que decide ás e aos gañadores”, resalta o edil.

A gala será ás 20.30 horas no auditorio municipal de Goián con entrada aberta a todos os públicos. O Concello convida a colectivos, asociacións, clubs e público xeral a desfrutar deste evento que será presentado polo recoñecido xornalista deportivo Terio Carrea e que contará con diferentes actuacións que amenizará o encontro.

A pasada edición da Gala do Deporte entregou unha ducia de distincións en diferentes categorías, que foron dende os e as mellores deportistas ou promesas ata o premio de afán de superación ou o recoñecemento ás entidades e patrocinadores.