Tomiño convértese na capital galega da educación durante unha semana Coa celebración da IX Semana da Educación do 5 ao 8 de febreiro. Aberto o prazo de inscrición na web municipal

Tomiño convértese na capital galega da educación durante unha semana

Tomiño convértese na capital galega da educación durante unha semana Coa celebración da IX Semana da Educación do 5 ao 8 de febreiro. Aberto o prazo de inscrición na web municipal

O Auditorio de Goián acollerá as charlas de César Bona, Javier Jurado, Rocío Vidal La Gata de Schrödinger e Mamen Jiménez La Psicomami

Tomiño volverá converterse na capital galega da educación durante unha semana o vindeiro mes de febreiro. Será coa celebración da novena edición da Semana da Educación, que cada ano converte a Tomiño nun referente no eido educativo coa participación de catro recoñecidos expertos e expertas que abordarán co público cuestións relevantes como a educación afectivo-sexual, a importancia do pensamento crítico na infancia, a humanización da educación ou a relevancia da música no ensino.

Nesta nova edición, o Auditorio de Goián acollerá do 5 ao 8 de febreiro ás 19.00 horas unhas xornadas que baixo o lema ‘Educación ON’ están dirixidas tanto a persoal docente e educador como a pais e nais que busquen informarse ou formarse en aspectos relacionados co mundo educativo a diferentes niveis.

“Cada ano poñemos o corazón e a alma na organización destas xornadas porque cremos que a educación é a chave para transformar a nosa sociedade e abrir portas a un futuro máis prometedor para todas e todos. A Semana da Educación é xa un referente por un coidado programa que non só fomenta a aprendizaxe, senón que tamén promove a participación activa de toda a comunidade”, salienta a alcaldesa, Sandra González.

A rexedora convida a toda a veciñanza e ás e aos profesionais da educación a asistir a este evento totalmente de balde. As persoas interesadas poden inscribirse xa en todas ou nalgunha das conferencias a través da web municipal.

‘Educación ON’

O encargado de inaugurar a IX Semana da Educación de Tomiño será o mestre e escritor César Bona, que formou parte do xurado dos Premios Princesa de Asturias e recibou os premios Magister de Honra pola Plataforma da Escola Pública, o Crearte do Ministerio de Cultura e a Cruz José de Calasanz, máxima distinción na educación en Aragón. O luns 5 de febreiro Bona falará sobre ‘Humanizar a Educación’, na que proporá facer as preguntas correctas para avanzar no ensino e na que transmitirá o compromiso social e coa natureza que defende como parte da educación integral do ser humano.

O martes 6 de febreiro tomará o relevo Javier Jurado, docente e investigador, catedrático da Historia da Música no Conservatorio Superior de Música de Vigo e director do Mestrado en Creación, Interpretación e Investigación Musical. O musicólogo abordará na súa charla a importancia de ‘Educar na globalidade: contribución da música á formación integral do alumnado’, na que defenderá esta materia como ferramenta de fomento da aprendizaxe e o rendemento, desenvolvendo o pensamento transversal e construíndo persoas máis afectivas, ledas e prudentes.

O mércores 7 de febreiro subirase ao escenario Rocío Vidal, La Gata de Schrödinger,  xornalista, publicista e divulgadora científica a través da súa canle de Youtube, na que conta con case 700.000 persoas subscritas. A súa charla versará sobre ‘A importancia de educar no pensamento crítico dende a infancia’, seguindo a liña do seu traballo de divulgación do pensamento analítico, no que tamén desmonta crenzas con vídeos entretidos, educativos e cun toque de humor. Presentadora de programas de temática científica e colaboradora de diferentes medios de comunicación, Rocío Vidal é autora tamén dos libros ‘Que lle dean á ciencia’ e ‘Eureka’.

A novena edición da Semana da Educación 2024 baixará o pano o xoves 8 de febreiro da man de Mamen Jiménez, La Psicomami, e a súa charla ‘E de onde veñen os bebés? A educación afectivo-sexual na casa, sen medos… e ata con risas’. Psicóloga, sexóloga, terapeuta de parella, ilustradora e divulgadora, no 2015 decidiu unir a súa experiencia profesional e maternal nun blog no que con ilustracións cargadas de humor e cotidianeidade fala de esas cousas que lles suceden aos pais e nais. Foi galardoada co Premio Madresfera ao Mellor Blog de Humor 2015 e as súas ilustracións e textos teñen miles de seguidores e seguidoras nas redes sociais.