Tomiño oferta este verán 600 horas de actividades deportivas e de lecer para infancia e mocidade A inscrición nos diferentes campus pode xa formalizarse a través da web municipal

Infancia e mocidade de Tomiño contará este verán cunha amplísima oferta de campus, campamentos e cursos cos que desfrutar dunhas vacacións estivais cargadas de deporte e lecer. O Concello xa abriu o prazo de inscrición nas 14 propostas preparadas para este ano, deseñadas para abarcar todas as idades, dende os 3 anos ata máis mozos e mozas de máis de 18, e coas que se prometen 600 horas de diversión sen igual.

Trátase dunha gran variedade de propostas de educación non formal de carácter lúdico, educativo e deportivo coa que o Concello busca contribuír á conciliación da vida familiar e laboral é a inclusión social, fomentando ademais a interacción e a convivencia entre todas e todos os participantes.

“Os campamentos de verán son unha oportunidade excepcional para que a nosa rapazada e mocidade aproveiten ao máximo o tempo de lecer. Con estas propostas poderán desfrutar dun amplo abano de actividades adaptadas a diferentes idades e intereses, polo que poderán escoller aquilo que máis os e as apaixona e para seguir desenvolvendo as súas habilidades e talentos”, destaca a alcaldesa, Sandra González.

As diferentes propostas que integran esta programación levaranse a cabo en diversas quendas e horarios durante os meses de xullo e agosto. As familias interesadas en inscribir a rapaces e rapazas poderán facelo xa a través da páxina web do Concello, nun apartado no que atoparán toda a información sobre as propostas, datas, horarios, condicións e prezos. Para información adicional pódese enviar un correo electrónico a omix@tomino.gal ou chamar ao 604 06 23 69.

Propostas

Entre as propostas, en xullo e agosto haberá un campus de tenis e de pádel,  con diferentes quendas e horarios para nenos e nenas de 5 a 17 anos. O 3 de xullo arrancarán as dúas semanas do campus de baloncesto, dirixido a rapazada de 10 a 15 anos, aínda que o rango de idade podería ampliarse ou reducirse en función da demanda. Tamén haberá en xullo un curso de introdución ao tai chi chuan, co que mozos e mozas a partir de 12 anos poderán coñecer un deporte moi completo que axuda a tonificar ombros, mobilizar cintura e cadeira, aumentar o movemento articular e fortalecer mans e pernas.

As e os amantes do fútbol poderán participar en xullo nos campus de fútbol feminino e fútbol mixto. Por outra banda, na segunda quincena de xullo tamén se desenvolverá un campus de skate dirixido a rapazada a partir de 6 anos que queira iniciarse ou perfeccionar a súa técnica de skateboarding.

O campamento urbano de Tomiño chega durante todo o mes de xullo ás instalacións do CEP Pedro Caselles Beltrán con actividades para nenos e nenas de 3 a 12 anos centradas no medio ambiente, na igualdade, na alimentacións consciente, nos deportes e no mundo dixital.

En agosto será a quenda dos campus de bádminton e atletismo, así como da actividade de ioga da risa, unha actividade que combina posturas de ioga, xogos, exercicios de risa e resporación coas que desenvolver habilidades físicas e emocionais. A Agrupación Musical de Goián impartirá ademais un campamento musical, no que a través de actividades lúdicas, a infancia participante achegarase ao mundo da música con obradoiros de instrumentos con materiais de refugallo, actividades manipulativas, mini concertos de solistas…

Por outra banda, este ano haberá tamén dous cursos destinados a rapazas e rapaces a partir de 18 anos, como un curso de promoción do piragüismo e do paddle surf con diferentes quendas durante os meses de xullo e agosto. Para ambas actividades é imprescindible saber nadar.