Tomiño presume de Nadal sostible e participativo

Tomiño presume de Nadal sostible e participativo Alumnado do FPB de Agroxardinería e Composicións Florais e floristas de Tomiño e Goián embelecen as rúas con orixinais arranxos de arte floral

ADETO realizará concursos e sorteos coas fotos máis divertidas sacadas nos tres photocalls que se colocarán nas prazas Pintor Antonio Fernández, do Seixo e da Mina

Un Nadal participativo, divertido, natural e máis sostible, tamén na súa decoración. Un ano máis o Concello de Tomiño aposta por decorar as rúas coa creativa e orixinal arte floral creada por alumnado de FPB do IES Antón Alonso Ríos e por floristas de Tomiño e Goián, vestindo os diferentes recunchos da vila con diferentes elementos decorativos baseados en plantas e flores típicas desta época e da comarca.

A alcaldesa, Sandra González, destaca a importancia deste tipo de iniciativas que “permiten debuxar un Nadal de visibilización do traballo que están a facer os nosos veciños e veciñas, un Nadal que camiñe nese presente e futuro máis sostible, dándolle un valor especial ao uso de materiais naturais e a artesanía para decorar as nosas rúas e prazas, pero tamén instalacións municipais como a propia Casa Consistorial ou os nosos mercados”.

Neste camiño, o alumnado do FPB Agroxardinería e Composicións Florais foi o encargado de deseñar, crear e colocar os adornos que xa decoran o balcón do Concello e as columnas das prazas de abastos de Goián e Tomiño, enchéndoos de verdes e vermellos. Grilandas e coroas naturais feitos con ilusión e agarimo guiados polo equipo docente e que lles permite exhibir o traballo que realizan nas aulas e a súa paixón por un sector de grande importancia no municipio.

As rúas e prazas do concello tamén se encheron de vida grazas ao traballo das floristas de Tomiño e de Goián, que decoraron diferentes recunchos cos seus orixinais arranxos florais. Carmiña, da florería Lilas; Marisa, da florería Marisa Baquero; e Reme, dedicada á venda de plantas, empregaron flores e plantas típicas da comarca para facer espectaculares centros que acompañan e complementan á perfección a decoración de madeira da Praza do Seixo, da Praza da Mina ou da Praza Pintor Antonio Fernández.

Prazas que serán tamén o epicentro dunha divertida actividade de Nadal proposta pola Asociación de Empresarios de Tomiño, ADETO. Durante todas as festas estas tres prazas contarán con tres orixinais photocall coas figuras do Apalpador, de Papá Noel e dos Reis Magos para que tomiñeses e tomiñesas poidan sacarse divertidas fotos durante o Nadal. ADETO premiará a todas as persoas que se animen a posar e inmortalizar o momento con concursos e sorteos a través das súas redes sociais.

“É un luxo contar cunha veciñanza e cun comercio tan implicado e comprometido, con gañas de facer cousas, de colaborar e de axudar a visibilizar un sector que ten un peso moi importante no noso territorio como o viveirista e de idear orixinais iniciativas que nos permitan seguir dinamizando o noso comercio local”, salienta a alcaldesa.