Tomiño ultima a estrea da área para autocaravanas no Seixo

Tomiño ultima a estrea da área para autocaravanas no Seixo Conta con seis prazas e agarda colleitar o mesmo éxito que a zona habilitada en Goián, cunha alta ocupación e excelentes opinións das persoas usuarias

O Concello quere agradecer a colaboración da Comunidade de Montes de Tomiño, que xa cedera o terreo vinculado ás instalacións de Policía Local e Benestar Social

Tomiño comezará o novo ano estreando a nova área de autocaravanas do Seixo. A alcaldesa, Sandra González; o vicepresidente da Asociación Galega de Autocaravanas, Julio Martín; concelleiros e concelleiras municipais e membros da directiva da Comunidade de Montes de Tomiño visitaron a zona para autocaravanas situada no aparcadoiro fronte ao edificio da Policía Local e de Benestar Social, na Rocha, que entrará en funcionamento en breve.

Contará con seis prazas e agarda colleitar o mesmo éxito que a zona habilitada en Goián, cunha alta ocupación e excelentes opinións das persoas usuariasEsta nova área de aparcamento para autocaravanas ten seis prazas sinalizadas que contarán cos servizos necesarios para baleirar as augas grises de cociña e baño e as augas negras (WC), así como abastecemento de auga para poder encher o depósito e iluminación pública, axardinamento e arborado de perímetro.

A actuación para a habilitación desta área contou cun investimento de 40.000 euros financiados polo Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e permitirá ás e aos visitantes deixar os seus vehículos nunha zona a menos de 5 minutos camiñando do núcleo do Seixo.

“O turismo de autocaravana consolidouse como un modelo de viaxe alternativo que trae a moitas e moitos visitantes a Tomiño, como podemos ver dende a apertura da área de Goián, que ten unha grande acollida, cunha alta ocupación e excelentes opinións por parte das persoas usuarias”, destaca a alcaldesa, Sandra González.

A rexedora sinalou que coas dúas áreas de autocaravanas en activo “seguiremos dando pulo a un turismo de calidade que permita ás persoas visitantes achegarse e deleitarse con todos os atractivos do noso territorio. Este turismo é un activo para a economía local e sitúa ao concello de Tomiño como un destino coñecido e relevantes nas rutas das e dos autocaravanistas”.

O Concello quere agradecer á Comunidade de Montes de Tomiño a súa constante colaboración e a cesión hai anos tanto dos terreos como a edificación situados nesta zona, que foi reformada como instalacións da Policía Local e de Benestar Social. A alcaldesa recalcou que “é un orgullo contar cunha Comunidade de Montes que sempre se presta a colaborar no interese dos veciños e veciñas”.