Un empresario de Tomiño ofrece as súas máquinas para desinfectar as dependencias e coches das forzas de seguridade locais Enrique “Rui” Vicente, propietario dunha empresa dedesinfección con ozono, comprométese a manter as dependencias da policía e garda civil, libre de xermes mentres dure o confinamento

 A solidariedade civil está a ser noticia estes duros días de confinamento. E é de agradecer. Enrique “Rui” Vicente, veciño do barrio da Salgosa (Tomiño), ofreceu as máquinas da súa empresa estes días, para desinfectar os locais e os coches da Policía Local, Garda Civil e Protección Civil de Tomiño con ozono, unha alternativa para evitar o contaxio de bacterias, cun gas que esteriliza e hixieniza moi profundamente sen contaminar o ambiente. Personal da súa empresa pasou varias horas desinfectando tamén as dependencias da Policía Local e Guarda Civil de Tui.

Segundo explica o empresario, propietario da firma “Never After” con sede en Portugal, o ozono xerado para o uso industrial é un oxidante poderoso que disolve a suciedade e os xermes, e logo se descompón volvendo ao seu estado orixinal: osíxeno. Ataca aos microorganismos e os destrúe e -algo moi importante- non aporta ningunha sustancia extraña nin perigosa ao ambiente. Dito doutra forma, o ozono descompóñese espontáneamente en osíxeno, converténdose deste xeito no único desinfectante e descontaminante que non contribúe á contaminación química do ambiente.

Por iso, ademais de polos seus custes, moi baixos, é ideal para ser utilizado como biocida na agricultura pero, desafortunadamente, coma comenta Vicente, falta aínda unha boa regulación xurídica por parte dos gobernos e moita divulgación e concienciación da cidadanía. “É o desinfectante máis potente e barato que hai; porque non ten insumos case, por iso non interesa que se coñeza máis”, advirte este profesional con máis de 30 anos de experiencia, que envoiou só aItalia, máis de 80 máquinas durante a crise do coronavirus.

O oficial xefe da Policía Local de Tomiño, José Ramón Álvarez Riveiro, salienta o feito de que a non ser polo ofrecemento deste veciño, a desinfección non podería facerse, porque aínda que a Xunta ofreceu realizala en Pontevedra, resultaría prácticamente inviable levar todos os coches até alí cada día.

A alcaldesa de Tomiño, pola súa banda, agradece publicamente a xenerosidade deste empresario local que, de forma totalmente desinteresada, permite desinfectar dun xeito profundo e moito máis fiable os locais e coches cos que traballan os axentes da Policía Local, Garda Civil e Agrupación de Protección Civil, todos moi necesarios nestes difíciles días que nos tocan vivir.