A Coral Polifónica fai florecer Tomiño co seu tradicional Concerto de Primavera

A Coral Polifónica fai florecer Tomiño co seu tradicional Concerto de Primavera A actuación será este domingo 24 de marzo ás 19.00 horas no auditorio de Goián

A Coral Polifónica de Tomiño quenta xa as súas voces para sorprender esta fin de semana ao público co seu tradicional Concerto de Primavera, unha actuación que promete deleitar a todas e todos os asistentes cun variado repertorio de cancións populares, clásicas e contemporáneas.

Baixo a dirección de David González, as voces de máis de 30 persoas uniranse este domingo 24 de marzo no escenario para ofrecer un espectáculo vibrante e único. O concerto comezará ás 19.00 horas no auditorio municipal de Goián onde o público poderá desfrutar de balde da paixón pola música e o canto da Coral Polifónica de Tomiño, no que varias xeracións de tomiñeses e tomiñesas conforman unha gran familia.

A coral comezou a súa andaina no ano 1997 da man de Teresa Clara Iglesias Ramilo e na actualidade está formada por 30 voces mixtas que teñen gañado o recoñecemento do público pola súa calidade e estilo. Dende a súa fundación, esta agrupación polifónica percorreu Galicia, España e Portugal participando en numerosos intercambios, encontros e concursos.

Cada luns as e os membros da Coral Polifónica de Tomiño ensaian de forma puntual con moita ilusión e pensando xa na vindeira vez que se subirán ao escenario para transmitir ao público o seu amor pola música e o canto. A agrupación está aberta a recibir novas e novos integrantes de todas as idades e sumar voces a un equipo que na actualidade está formado por xente de entre 50 e 83 anos.

A alcaldesa, Sandra González, anima a toda a veciñanza “a desfrutar dun evento moi esperado cada ano, unha actuación coa que celebrar a música dun grupo de persoas comprometidas e con paixón polo canto. Só podemos dar as grazas a todas e todos os integrantes da Coral Polifónica de Tomiño pola súa dedicación e talento”.