Tomiño recoñece a contribución de José María Gude coma mestre e na recuperación da cultura e tradicións Autoridades locais e doutros concellos, familiares, amigos, ex-alumnos e integrantes do grupo Airiños de Tebra, arrouparon ao homenaxeado

Afincado en Tebra,ex mestre de Tomiño no CEP Pedro Caselles, José Mª “Pepe” Gude, foi homenaxeado polo Concello de Tomiño, nun acto cívico, celebrado odomingo na Praza do Seixo, non marco das festas patronais do Alivio 2019.

Políticos da corporación local do Concello, homenaxeados en anos anteriores; representantes da , Garda Civil, Policía Local e Protección Civil; alcaldes e concelleiros da comarca; familiares, amigos, veciños e ex-alumnos, arrouparon ao homenaxeado nun acto sinxelo e emotivo , no que tamén participaron a Agrupación Musical de Goián e o Grupo Airiños de Tebra (cuxa creación liderou Gude hai medio século).

Decenas de persoas congregáronse na Praza do Seixo, para asistir ao Acto Cívico que, hai algo máis dunha década, comezou a celebrar o goberno local, co propósito de recoñecer a contribución de persoas “que foron un exemplo a seguir, que abriron camiños e que achegaron a súa valía para facer de Tomiño un lugar mellor”, coma lembrou a alcaldesa Sandra González na súa intervención.

Pepe Gude, coma o coñecen na vila, foi o primeiro en falar, dando ás grazas ao Concello por pensar nel coma alguén digno de tal homenaxe. Porén non quixo aceptar adistinción coma persoal, senón compartida “con tantas persoas, compañeiros, ex-alumnos, que estiveron ao meu lado, axudándome a conseguir cousas, que se implicaron activamente en recoller e reflectir valores e tradicións do noso pobo”  Asemade comparteu o galardón cos integrantes do Grupo Airiños de Tebra, presentes na homenaxe, polo seu esforzo e dedicación en manter viva a música e as tradicións,repasando a súa traxectoria, que os levou por distintos puntos de Galicia, España, Portugal, Arxentina e Uruguai.

A alcaldesa Sandra González, pola súa banda, agradeceu a todos os presentes, especialmente á Agrupación Musical de Goián e a Airiños de Tebra, que amenizaron o acto. Referiuse ao homenaxeado coma a “unha persoa comprometida coa sociedade, a cambio de nada; que sempre vai pedindo para os demais, non para el; un coleccionista de lendas e palabras; un mestre que chegou ao corazón do seus alumnos e alumnas, ensinándolles a valorar o máis próximo e devolvendo a dignidade cultural ás nosas parroquias e ao que temos máis cerca”.